Historia:
A transición do sistema de curtimento artesán, descentralizado no rural e baixo control gremial nas vilas, comeza na primeira metade do século XVIII cunha novidade organizativa consistente na concentración xa propiamente empresarial na que un particular erguía un edificio da súa propiedade, compraba as materias primas e as auxiliares, e contrataba en troques dun salario a un grupo de traballadores libres para que elaborasen as peles para as vender no mercado.
Esta transición veríase favorecida en Galicia coas autorizacións de 1765 e 1767 para comerciar no porto coruñés coas colonias americanas, compartindo o monopolio até entón existente en Cádiz. Estas autorizacións van facer do porto da Coruña un activo núcleo de negociación de peles en bruto chegadas do Río da Plata, que os mercadores asentados na vila coruñesa redistribuían ao interior de Galicia e aos portos do Cantábrico.
A promulgación en 1779 do «decreto de extranjería», establecendo impostos de importación nas provincias casteláns para as manufacturas das provincias vascongadas, levaría a moitos industriais bilbainos e guipuscoanos a traslador os seus estabelecementos fora das «provincias exentas».
A fábrica de Ponte Pedriña de Arriba foi construída polo ferrolán Ignacio Calvo Cárdenas asociado en 1784 a tal fin co compostelán Manuel Abendaño, sendo por tanto, a segunda máis antiga da cidade, despois da de os genoveses da corredoira das Trompas.
Contra 1783 os dous socios conseguiran a cesión da antiga tafona gremial do Picho da Cerca que deste modo pasará a ser un pequeno establecemento privado no que farán algúns labores complementarios para a tenería do Romaño.
En 1791, o catalán Jaime Rius participará como socio e mestre da tenería de Ponte Pedriña e pronto entrará a formar parte da fábrica un novo socio, o rioxano Manuel de la Riva Moreno. Coñecido por ser o mordomo do Cabido, ademais dun poderoso mercador de cidade, adicábase á importación de «cueros indios» da comarca de Río de Plata.
Con esta incorporación, aumenta a produción e no ano 1809 xa era dono dos dous terzos da fábrica. Coa morte do seu socio Ignacio Calvo, no 1819, converterase no único propietario.
Manuel de la Riva, falece anos despois, deixando todo en mans de “Viuda e hijos de Manuel de la Riva” levando Luis de la Riva a dirección da fábrica. Estará a cargo da tenería durante 1832 ata 1866, ano do seu pasamento. Esta será unha época de esplendor na que a fábrica formará parte do grupo empresarial máis forte da Galicia da época e don Luis tamén estará ao cargo dos fornos de ferro e de cerámica de Sargadelos e dun novo alto forno en Carril.
A finais da década dos sesenta coa crise económica financeira de 1864-1866 e a reclamación de dous millóns de reás por parte do Cabido da Catedral, a fábrica ven a menos e como pago das débedas, o Cabido pasa a ser o propietario das tres cuartas partes da tenería. Nesta época o estado da mesma é ruinoso ata que no ano 1885 don José Carlos Vilas Patiño, que fora arrendatario do almacén de sal de Pontecesures e propietario dunha tenería en A Zanca de Os Vilares (preto do actual polígono de Tambre), adquiriu a fábrica de Ponte Pedriña mercándolla a dona Ana de la Riva e ao Cabido, facendo que funcionase de novo ata 1918, ano do seu pasamento.
Un dos seus fillos, Arturo Vilas Molezún, fíxose cargo da tenería no que período que vai da crise da primeira posguerra mundial á primeira época do franquismo. A partir de 1948 levará o control da mesma o seu sobriño José Fernández Vilas, de profesión avogado, quen manterase ao cargo da factoría ata o seu peche definitivo no 1961.
Construcción:
Ültimo cuarto do século XVIII (1784) por Ignacio Calvo e Manuel Abendaño.
Abandono:
Segunda metade do século XX (1961).
Descrición:
A fábrica estaba composta por varias edificacións unidas formando unha especie de debuxo en “L” e un anexo formado por tres edificios.
O primeiro edificio, situado no que sería o corpo alongado da “L”, na zona sur, tiña unha planta trapezoidal e estaba destinado a cociña; ao seu lado situábase un edificio rectangular e moi alongado, dividido por unha medianeira, que albergaba 17 píos de asento e un de leiteira, detrás estaba a vivenda do garda.
Contiguo ao edificio dos píos, colocada transversalmente, atopábase a vivenda principal e oficina de dous pisos. A planta baixa estaba dividida en dous espazos: ao fondo o muíño de casca e na parte dianteira unha tenda, unha bodega e un vestíbulo. Na planta alta situábanse as habitacións, cociña e faiado.
A continuación estaban o muíño de casca, a alisadora, e o almacén de casca, este último do mesmo tamaño que os outros dous xuntos, sendo todos os locais independentes. E, rematando o lado máis longo, sitúase o almacén de casca usada.
Transversalmente, debuxando a base da “L” sitúase un edificio alongado de dous pisos que funciona na planta baixa como almacén de sola e na alta como secadoiro. A continuación atópase a carpintería e, por último, a cocheira, ambos edificios eran das mesmas dimensións e con planta cuadrangular.
Na explanada diante da residencia principal atopábase un depósito de auga con tanino e cara ao sur un piorno e un galiñeiro.
Por último, as tres edificacións anexas: o secadoiro de carnaza que estaba comunicado interiormente co lavadoiro e os caleiros.
Sistema de produción:
Curtido tradicional en píos.
Actividades laborais:
Elaboración de solas e becerro.
Emprego:
Man de obra masculina en todo o proceso. Un mestre, Jaime Rius e 15 operarios en 1841.
Materias Primas:
Peles de vaca e terneira.
Produtos Elaborados:
Especialización en solas, tamén becerro branco e negro para zocos, zapatóns e cañas de botas.
Distribución e comercialización:
Inicialmente, local e rexional. A partir da década dos corenta a distribución facíase en Ibi ou Elxe.
Referencias Bibliográficas:
Carmona Badía, X.; Fernández Vázquez, M. T. A Compostela Industrial: Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, DL. 2003. 184 p.: il. ISBN 84-930667-2-9
Fotografías Nocturnas
Fábrica de Curtidos de Ponte Pedriña de Arriba
Fábrica de Curtidos de Ponte Pedriña de Arriba
Ver mapa más grande